O 25 de xuño de 2006 nacía a web de escoitar.org, unha rede aberta co obxectivo de conservar a Memoria Sonora de Galicia, e cuxo principal valor era simplemente compartir. Case dez anos depois, o 20 de xaneiro do 2016, comezaba o seu proceso de borrado: cada vez que se escoitaba unha das súas paisaxes desaparecía da base de datos. Os oídos das persoas que reproducían os sons clausuraron definitivamente a web, que foi substituída por unha esquela que anunciaba a súa morte.
Nalgún día entre os meses de xaneiro e febreiro do 2023 o dominio de escoitar.org deixaba de aloxar á esquela, perdido definitivamente entre os milleiros de dominios cos que a empresa NameBright especula, e producíndose ao mesmo tempo a morte do anuncio da propia morte.
Mais a web nunca desapareceu. Dende a súa defunción do 2016 quedou vagando por (outra) internet convertida nunha pantasma. Invisible a calquera motor de búsqueda e baixo un dominio encodificado fóra da semántica, mantívose oculta. Os relatos floreceron e ocuparon o seu lugar, incluso este, mentres que ao desprenderse do seu corpo ía adquirindo os poderes acusmáticos (según Michel Chion) tan propios dos espectros: a ubicuidade (estar en todos lados), o panoptismo (velo todo), a omnisapiencia (sabelo todo) e a omnipotencia (podelo todo). É dicir, as espandidas cualidades do que non se ve pero se escoita, da reverberación cega.
Coa súa nova forma espectral foi facendo aparicións puntuais alimentando o seu arquivo, chegando a tomar posesión do seu propio nome, agora velado nas vogais.